Acordo para mellorar os accesos á Ría Barosa cun investimento provincial de 432.000 euros

Barro
24 de xuño 2025

O proxecto, financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra, creará itinerarios peonís e ciclables seguros nun punto crítico do Camiño Portugués que actualmente presenta graves problemas de seguridade

Recta da Barosa na N-550
Recta da Barosa na N-550 / Guardia Civil de Tráfico - Arquivo

A Ría Barosa, un dos espazos naturais máis visitados da provincia de Pontevedra e punto destacado do Camiño Portugués, contará con accesos moito máis seguros cun investimento de 432.000 euros que será financiado integramente pola Deputación de Pontevedra.

O presidente da institución provincial, Luis López, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este martes no Pazo provincial o convenio de colaboración que permitirá executar estas obras tan demandadas pola veciñanza e os numerosos visitantes que recibe este espazo natural.

O proxecto, que se enmarca dentro do Plan Extra da Deputación, ten como principal obxectivo resolver os graves problemas de seguridade viaria que presenta actualmente o acceso ao parque natural, que se realiza a través da N-550, unha estrada con alta densidade de tráfico e elevada velocidade.

"Este enclave magnífico, que é unha referencia na provincia, un lugar paradisíaco, e unha parada obrigada para todos os que facemos o Camiño, vai ter un acceso seguro para peóns e bicicletas e tamén para os vehículos", explicou Luis López durante o acto de sinatura.

As obras incluirán a creación de itinerarios peonís e ciclables seguros, unha nova canalización de pluviais e unha renovada rede de iluminación pública con tecnoloxía LED, o que contribuirá a poñer en valor este importante recurso turístico.

O alcalde de Barro mostrou a súa satisfacción polo acordo: "Grazas ao financiamento da Deputación podemos executar a mellora da seguridade, que é unha das cousas que máis nos preocupaban. Son actuacións que levamos tempo esperando executar e este tipo de axudas soluciónanos esa carencia económica porque coas arcas municipais sería imposible de executar".

Luis López, presidente da Deputación, e Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro
Luis López, presidente da Deputación, e Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de BarroDeputación de Pontevedra

A colaboración da Deputación co Concello de Barro ascenderá este ano a preto dun millón de euros a través de diferentes programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

O financiamento desta actuación de acceso a Barosa, segundo aclarou o presidente provincial, será posible grazas á ampliación do orzamento do Plan Extra, "inédita nun plan extraordinario da Deputación ata o de agora". En concreto, a institución provincial achegará 367.200 euros a través do Plan Extra e outros 64.800 euros mediante o Plan +Provincia para cubrir a parte correspondente ao Concello de Barro.

Parque Natural Ría de Barosa
Parque Natural Ría de BarosaMónica Patxot