Din que a unión fai a forza. Iso terán pensado os responsables das Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. As tres institucións aprobaron de forma conxunta a súa fusión "co obxectivo de mellorar e fomentar a prestación de servizos as empresas das tres demarcacións", segundo sinalan nun comunicado de prensa.
O acordo para a creación da nova entidade, para a que se propón a denominación de Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, realizarase en dúas fases e co compromiso de respectar, e mesmo incrementar, a súa presenza territorial, manter os actuais equipos, así como os puntos de atención ás empresas.
Esta integración é a primeira que se realiza no noso país tras a aprobación da recente Lei de Cámaras, e outorgará ao novo ente cameral unha das maiores demarcacións territoriais das Cámaras galegas.
Tras este histórico paso dado polas Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa solicitarase á Xunta de Galicia, administración tutelante nesta materia, a aprobación definitiva desta fusión a tres bandas, para o cal será necesario obter o informe do Consello Galego de Cámaras.
Unha vez a Xunta de Galicia dea a autorización a esta integración, procederase á elección ou designación dos representantes das Cámaras actuais no Pleno da nova Cámara.
Tras a sesión constituínte deste Pleno, procederíase á elección de presidente e Comité Executivo e á aprobación do regulamento de Réxime Interno. A partir da data de elección de novos órganos de goberno poñerase en marcha a integración funcional definitiva.
SEN DECLARACIÿNS EN PONTEVEDRA
Tras coñecerse esta noticia, PontevedraViva púxose en contacto co presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Barros, quen non quixo facer ningún tipo de declaracións ao respecto. "Lo que pone en el comunicado", reiterou en varias ocasións. Tampouco quixo aclarar se este acordo de fusión foi aprobado no Pleno que a entidade cameral celebrou este mércores ou se foi acordado unicamente polo seu Comité Executivo.