Acordo para evitar que os menores conflitivos ingresen na Cidade Infantil Príncipe Felipe

Pontevedra
20 de xullo 2017
Actualizado: 15:06

O encontro mantido entre representantes da Consellería de Política Social e da Deputación serviu para que a Xunta só derive aqueles menores que sexan admitidos polos técnicos provinciais

César Mosquera e Eva Vilaverde co director do Príncipe Felipe, José Ramón Couto, entran no edificio da Xunta de Galicia
César Mosquera e Eva Vilaverde co director do Príncipe Felipe, José Ramón Couto, entran no edificio da Xunta de Galicia / PontevedraViva

A Consellería de Política Social e a Deputación Provincial asinarán un novo convenio para establecer outras pautas de admisión de menores derivados da Xunta de Galicia na Cidade Infantil Príncipe Felipe. 

Na mañá deste mércores mantiñan un encontro representantes da administración autonómica coa directora xeral de Familia, María Amparo González e o delegado José Manuel Cores Tourís á fronte e os deputados provinciais Eva Vilaverde, César Mosquera e o director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, José Ramón Couto. Nesta reunión tentábase buscar unha solución ante os últimos altercados derivados da presenza de menores conflitivos derivados pola Xunta de Galicia no centro escolar pontevedrés.

César Mosquera sinalaba que non se pode permitir que tres ou catro menores problemáticos causen problemas aos máis de douscentos escolares que asisten ás instalacións. 

Eva Vilaverde indicaba que a Xunta decidiu asumir que a partir de agora serán vinculantes os informes técnicos procedentes da Deputación sobre a admisión de menores, unha situación que non se estaba producindo nos últimos anos e o centro terminaba acollendo a mozos que causaron incidentes tanto co profesorado como con outros alumnos. "Os nenos que provocan violencia non poden estar en Príncipe Felipe e os informes técnicos que así o indiquen teñen que ser vinculantes", apuntaba Eva Vilaverde.

A deputada nacionalista sinalou que nos próximos días elaborarase o borrador dun novo convenio coa Xunta de Galicia para que se teña en conta esta decisión, que é a primeira das catro propostas realizadas pola Deputación para tentar evitar a situación conflitiva actual.

OS MENORES MÁIS PROBLEMÁTICOS SERÁN RETIRADOS DO CENTRO

A directora xeral de Familia, Amparo González, recoñeceu tamén que hai un acordo para traballar no novo convenio avalándose en informes para mellorar os recursos para os menores. 

González afirmou a PontevedraViva que para elaborar o borrador se terá en conta o interese superior do menor e tamén o de mellorar as condicións do Centro Príncipe Felipe.

Afirmou que se está a traballar xa para buscar unha solución para os menores que reclaman unha maior atención de maneira que deixen a Cidade Infantil. Desde a Consellería hai intención de asinar o novo convenio canto antes.