Unha combinación de acrobacias, malabares, cordas bambas, teatro xestual e música en directo conquistou na noite deste martes a un público familiar que encheu a Praza da Ferrería.
Os espectadores gozaron do espectáculo DistanS, da compañía de circo-teatro de Granada 'Vol'e Temps'.
Premio Féten a mellor espectáculo de noite, premio Lorca a mellor espectáculo de circo e premios PACA a mellores dirección, posta en escena e artista masculina, o espectáculo meteuse aos públicos no peto.
Cunha linguaxe cargada de humor, poesía e emoción, ese espectáculo conta a historia de dous amigos que pactan reencontrarse no mesmo lugar e á mesma hora vinte anos despois a través dunha cápsula do tempo.
A cita é á beira da vella casa da árbore da súa infancia, símbolo de xogos, fantasía e complicidade, até a que se trasladou o público pontevedrés da man de Sara Ortiz e Albert Moncunill Ferrer.
Durante preto dunha hora, os espectadores viviron como o tempo pasa e a distancia é inevitable, pero non ten que supor o esquecemento, pois estes dous personaxes atoparon a maneira de poder seguir xuntos na distancia aínda que a vida os leve por camiños diferentes.
Este mércores 13 de agosto, a cita das Festas da Peregrina será, de novo por toda a cidade. Nunha xornada pensada para o público infantil coa Batalla de Flores como principal reclamo, ás 21.00 horas está prevista a festa infantil 'O Circo das Estrelas' na Praza de España.
Na Praza da Ferrería, ás 22.30 horas, a cita será con Picoco's Band e en Montero Ríos haberá a partir das 22.45 verbena coa orquestra Dinastía.