Activada a convocatoria para os postos e a barra da Semana Grande

Soutomaior
12 de xullo 2026

As solicitudes ao Concello de Soutomaior poden presentarse a través de vía electrónica ata o venres 17 de xullo

Recinto na Semana Grande das Festas de Soutomaior
Recinto na Semana Grande das Festas de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Xa está aberto o prazo para tramitar as autorizacións administrativas necesarias para instalar postos de venda e xestionar a barra-bar durante a III Semana Grande das festas de Soutomaior, que terán lugar do 1 ao 7 de agosto coincidindo coas festas de San Salvador.

As persoas e entidades interesadas teñen de marxe ata o venres 17 de xullo para enviar a súa documentación.

O proceso debe realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica do concello, onde xa se encontran publicadas as bases reguladoras e mailos anexos correspondentes.

A convocatoria divide a participación en dúas categorías diferenciadas:

Postos de venda: Destinados a autónomos, empresas e asociacións sen ánimo de lucro que comercialicen produtos habituais de feira como rosquillas, xoguetes ou complementos.

Barra-bar: Concederase unha única autorización para dar servizo ao longo de toda a semana festiva. A actividade repartirase en dous puntos concretos: a contorna da igrexa do Divino Salvador e o torreiro da Festa da Dez, situado en Candán.

A adxudicación desta barra efectuarase mediante un sistema de concorrencia competitiva.

Para a elección do proxecto gañador, vai avaliarse a proposta económica xunto con criterios sociais, técnicos, de sustentabilidade ambiental e a vinculación co propio municipio.

A intención é estruturar o espazo público baixo criterios de seguridade e hixiene, ao mesmo tempo que coordinar a actividade comercial coas necesidades da programación festiva de Soutomaior.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora