Activan en Poio unha campaña especial de vixilancia sobre o transporte de mercadorías

Poio
20 de novembro 2023

A partir deste luns 20 de novembro, a Policía Local de Poio reforzará a súa vixilancia sobre os vehículos destinados ao transporte de mercadorías. Será no marco dunha campaña que se activa en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico

Control policial sobre unha furgoneta en Poio
Control policial sobre unha furgoneta en Poio / Policía Local de Poio

A partir deste luns 20 de novembro, a Policía Local de Poio reforzará a súa vixilancia sobre os vehículos destinados ao transporte de mercadorías. Será no marco dunha campaña que se activa en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico.

Así, ata o próximo domingo 26, os axentes priorizarán o control sobre as furgonetas e camións.

Entre outras cuestións revisarán que as autorizacións e documentos que deben ter estes vehículos sexan os correctos para a prestación do seu servizo.

Ademais, verificarán que as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, e sobre todo a disposición da carga, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución.

A Policía Local de Poio recorda que os factores concurrentes máis habituais nos accidentes de furgonetas son as distraccións ao volante, o exceso de velocidade e o consumo de alcohol.

A este respecto, subliñan que as condicións técnicas deficientes e a maior antigüedade, a distancia de frenado, a visibilidade, a altura do vehículo, as luces, o centro de gravidade ou a colocación da carga son elemento que aumentan o risco de accidente.