Activan un plan de choque "necesario" para evitar a deterioración do Palacete das Mendoza

Pontevedra
20 de febreiro 2026
Actualizado: 14:08

Luis López anunciou unha batería de acordos que combina investimentos para o Palacete das Mendoza, o convento de Santa Clara, o programa +Xuntas e os Plans +Provincia e de Infraestructuras Deportivas

Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas Pablo Ajuria / Brais Porto

A Deputación de Pontevedra movilizará 4,2 millóns de euros para reforzar o turismo, a cultura, a igualdade e o apoio directo aos concellos da provincia, segundo avanzou este venres o seu presidente, Luis López.

Trátase dun paquete de acordos que combina investimentos en patrimonio histórico, programas sociais, así como melloras en infraestruturas deportivas e viarias.

O primeiro dos temas tratados foi a habilitación de 370.000 euros para acometer obras de conservación no Palacete das Mendoza, sede central de Turismo Rías Baixas.

"Trátase dun espazo emblemático, que forma parte da nosa identidade e tamén da imaxe que proxectamos da provincia", destacou López.

O presidente subliñou que se trata dunha intervención "necesaria" para garantir a preservación deste edificio histórico.

As actuacións previstas permitirán resolver as patoloxías existentes, evitar un maior deterioro da súa fachada exterior -muros, carpinterías, varandas e outros elementos- e dos seus espazos interiores.

Ademais, servirán para mellorar as condicións de salubridade e habitabilidade do edificio e actuar no peche perimetral da parcela, que presenta un estado avanzado de deterioro.

"Estamos a falar de conservar o que é noso, de coidar un inmoble que é referencia e que recibe cada ano a milleiros de persoas", lembrou o titular do goberno provincial.

Luis López tamén informou de que o goberno provincial destinará preto de 400.000 euros á compra de bens artísticos do convento de Santa Clara. Entre eles están o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería do coro e o órgano.

O presidente subliñou que o propósito é avanzar na "protección integral de Santa Clara como un contedor de bens históricos de valor incalculable".

No ámbito da igualdade, o goberno provincial aprobou máis de 690.000 euros para poñer en marcha o programa +Xuntas de cara os próximos dous anos.

O servizo permitirá ofrecer máis de 200 obradoiros dirixidos a federacións e fundacións sen ánimo de lucro que traballan polo desenvolvemento das mulleres.

López explicou que, unha vez rematado xaneiro, activouse a contratación para asegurar o funcionamento ininterrompido do programa para os anos 2026 e 2027.

Dentro do apoio directo aos concellos, a Deputación deu luz verde a un proxecto do Plan de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Arbo, cun investimento de 90.000 euros destinado á construción dunha nova pista de pádel cuberta na Chan.

O goberno provincial tamén aprobou unha axuda por un millón de euros a través do Plan +Provincia, que irá destinada a obras e novas contratacións de persoas desempregadas en varios municipios.

Na liña 1 de investimentos, destínanse 116.000 euros a Ponte Caldelas para financiar a achega municipal do proxecto do parque termal, 133.000 euros a Salceda de Caselas para o novo ramal de saneamento en Santo Estevo de Budiño, 207.000 euros a O Porriño para mellorar a mobilidade peonil na EP-2405, e 256.000 euros a Moaña para a humanización da travesía da estrada da praia en Meira.

Na liña 3, dedicada á contratación de persoas desempregadas, Soutomaior recibirá 123.000 euros para contratar 18 persoas, mentres que A Guarda disporá de 172.000 euros para incorporar 10 traballadores e traballadoras.

A Xunta de Goberno aprobou, ademais, 1,6 millóns de euros para as estradas de titularidade provincial, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a vertebración do territorio.

Na estrada EP-0403 Carballedo–Reboredo (Cerdedo Cotobade), acometerase unha actuación valorada en 760.000 euros, que afectará a 2,6 quilómetros dun trazado cun firme moi deteriorado. Prevese a mellora do pavimento e do sistema de drenaxe para incrementar a seguridade.

Por último, á EP-2702 Amoedo–Os Valos (Pazos de Borbén) irán destinados 875.000 euros para executar o ensanche que facilite a circulación.