A Deputación de Pontevedra deu luz verde ao expediente para adquirir os bens mobles históricos vinculados ao convento e á igrexa de Santa Clara, un paso que previsiblemente quedará ratificado na Xunta de Goberno da próxima semana.
Así o anunciou este mércores o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, quen destacou que se trata dun procedemento "complexo pero absolutamente necesario", tramitado con "rigor xurídico, control económico e total transparencia".
A operación permitirá incorporar ao patrimonio público o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería do coro e o órgano barroco, pezas "de extraordinario valor histórico e cultural" ligadas á memoria da cidade.
O importe da adquisición ascende a 396.250 euros, conforme ás taxacións independentes realizadas, un investimento que, segundo Domínguez, evita a dispersión do conxunto e reforza o papel do Museo de Pontevedra como garante do patrimonio provincial.
Especial relevancia ten o órgano barroco de Santa Clara, o único órgano histórico que se conserva en Pontevedra e o último construído na arquidiocese de Santiago.

Datado arredor de 1795 e de autoría descoñecida, mantense en funcionamento e destaca pola súa configuración con tubos verticais e horizontais e polas súas cores vivas.
A Deputación prevé acometer a súa restauración unha vez formalizada a compra.
O portavoz provincial do BNG na Deputación de Pontevedra e concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, saiu ao paso deste anuncio.
Explicou que a escritura de compravenda asinada cando o Concello adquiriu o convento establecía que as clarisas tiñan catro anos para retirar determinadas pezas: tres retablos do século XVIII -o maior, o do Carme e o da Inmaculada-, a sillería do coro, o órgano ibérico de 1795 e o púlpito.
Ese prazo rematou o 1 de decembro de 2025 e, ao non seren retiradas, as pezas pasan a ser propiedade da Deputación, que debía aboar o seu importe antes do 1 de xaneiro de 2026.
O pasado 28 de xaneiro, informou Mosquera, a institución provincial recibiu por rexistro un requirimento formal das clarisas reclamando o pago inmediato das cantidades acordadas.
"Dicían que había preocupación porque as monxas puideran levar todo. Mais a preocupación por Santa Clara é tal que deixaron pasar os prazos. Un papel pódeselle pasar a calquera, pero todo vai con semanas, meses de atraso", queixouse Mosquera quen apuntou que, ao non existir unha partida específica no orzamento para facer fronte ao abono, o goberno provincial tivo que buscar unha solución con urxencia.

Domínguez defendeu que o expediente contou con informes técnicos, taxacións e fiscalización económica, ademais dun diálogo "constante e leal" coa comunidade das clarisas.
"É un antes e un despois na defensa do patrimonio de Santa Clara", concluíu, "un compromiso para protexer hoxe o que é de todos e garantilo ás xeracións futuras".
O vicepresidente Rafa Domínguez subliñou que a adquisición forma parte do proxecto para converter Santa Clara na nova gran sede cultural do Museo. "Non tería sentido recuperar o continente sen protexer o contido", afirmou.
Neste marco, a institución traballa xa na posta en marcha de visitas guiadas ao convento e na súa incorporación ao programa Artes Vivas da Bienal de Pontevedra este verán, mentres avanzan os estudos para a rehabilitación integral do recinto.
