Mosquera advirte de que a rehabilitación de Santa Clara non comezará ata, como mínimo, 2027

Pontevedra
08 de xaneiro 2026

O voceiro provincial do Bloque lamentou que "se van perder" os 28 millóns de euros que o goberno bipartito da Deputación deixou consignados para os edificios do Museo e o convento

César Mosquera
César Mosquera / Cristina Saiz

O voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, advertiu este martes de que as obras de rehabilitación do convento de Santa Clara non se iniciarán, como mínimo, ata a segunda metade de 2027, segundo sostén isto é debido á acumulación de atrasos administrativos e á falta de xestión do actual goberno provincial.

Mosquera asegurou que, cos trámites pendentes, resulta "case imposible" que os traballos poidan comezar no actual mandato e puxo en dúbida mesmo que a actuación chegue a estar adxudicada neste período. Neste contexto, cargou contra o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, ao afirmar que existe "unha total incapacidade de xestión" pola súa parte. "A súa preocupación son as notas de prensa e saír ben nas fotos, pero no resto anda 'escasito, escasito', por non dicir que é nulo", declarou.

O portavoz nacionalista explicou que os ritmos de tramitación na Deputación son "anárquicos" e exemplificou esta situación coa xestión das escavacións arqueolóxicas previas no convento de Santa Clara. Segundo indicou, estas escavacións levan meses adxudicadas, pero o proxecto das sondaxes tivo que ser modificado ao non participar na súa redacción o arqueólogo do Museo que coñecía os antecedentes do espazo, "pois foi apartado polo actual goberno provincial". Como consecuencia, engadiu, o documento non se axustaba ás esixencias de Patrimonio.

Mosquera sinalou que só os trámites vinculados á arqueoloxía poderán prolongarse durante "moitos meses" e lembrou que a Deputación aínda non solicitou a licenza municipal para realizar as escavacións, a pesar de que podería telo feito xa no pasado mes de xullo. Mesmo no caso de que o Concello conceda a licenza con rapidez, advertiu de que posteriormente haberá que executar unha intervención 'in situ' de grande envergadura. "Canto tempo levará? Seis meses? Oito meses?", preguntouse, antes de lembrar que os resultados deberán ser avaliados de novo por Patrimonio.

Unha vez superada esta fase, o voceiro do BNG indicou que aínda será necesario redactar o proxecto final de rehabilitación do convento por parte do estudo Nieto-Sobejano, adxudicatario da actuación, e solicitar a licenza definitiva. Por todo isto, prognosticou que, "salvo misterio", neste mandato non se acometerá a reforma de Santa Clara e que "como moito faranse as sondaxes, é dicir, moi pouco".

En relación cos edificios centrais do Museo, Mosquera denunciou tamén un elevado nivel de "descontrol na xestión". Criticou o que cualificou de "ridículo" protagonizado polo presidente da Deputación ao asegurar publicamente que as obras estaban á espera dun informe sectorial de Patrimonio, cando ese documento xa figuraba no expediente provincial desde o 15 de decembro, segundo indicou, sen que Domínguez o informase.

O deputado nacionalista lembrou ademais que o PP criticara inicialmente o túnel de conexión entre os edificios históricos, aínda que finalmente o soto será maior do previsto para albergar a Cámara de Numancia, o que, segundo Mosquera, supuxo a perda dunha subvención. "Grazas a ese chiste perdemos tres millóns de euros —de subvención—. É impresentable", afirmou.

Mosquera insistiu na situación de "despendole" do goberno provincial e asegurou que a falta de xestión provocou a perda dos 28 millóns de euros que quedaran consignados polo anterior goberno bipartito da Deputación para o Museo e Santa Clara, dos que 25 millóns eran fondos propios e tres millóns procedían dunha axuda externa da Unión Europea. "Desfacer, parar, liala é facilísimo. Sacar as cousas adiante é moito máis complicado", declarou, engadindo que, se a isto se suman 'vendettas' e 'rencillas', "a ensalada é gloriosa".

O exvicepresidente da Deputación recoñeceu sentirse "doído" polo que considera o desmantelamento do traballo realizado no mandato anterior. "Eu débome a Pontevedra. Son concelleiro aquí e despois de botar a andar o Revitaliza, comprar Santa Clara e poñer a andar os edificios centrais dixen que estaba disposto a colaborar, pero estou agardando hoxe. Todo o que se fixo foi desfacer", criticou do goberno provincial.

César Mosquera
César Mosquera    Cristina Saiz

No apartado político, Mosquera expresou o seu desexo de que o Executivo que preside Luis López acade estabilidade e funcione "o mellor posible" tras o que definiu como "a desfeita dos seis primeiros meses", marcados polo cambio continuo de deputados, os "problemas e leas internas do PP", a "fuxida" da vicepresidenta Marta Fernández Tapias e o "descabezamento" de servizos como Príncipe Felipe, o Museo, Infraestruturas ou o Revitaliza.

Finalmente, o voceiro do BNG volveu reclamar un incremento do financiamento provincial para o Concello de Pontevedra. Asegurou que mesmo durante a presidencia de Rafael Louzán a asignación á capital "era máis equitativa que agora" e subliñou que o Concello perdeu todas as transferencias extraordinarias que se sumaban aos 2,5 millóns de euros de base. Indicou que, nun ano no que aínda non se adxudicaron os fondos do Plan Extra II, Pontevedra ocupará o décimo posto en transferencias provinciais. "Esa é tamén unha demostración do peso que ten Domínguez no goberno provincial", concluíu.