A Deputación de Pontevedra conmemorará este martes 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional que terá lugar ás 11:00 horas no Pazo provincial.
A campaña deste ano está centrada no lema 'O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo claro?', que busca sensibilizar sobre as condutas machistas cotiás e difíciles de detectar.
Durante o acto, a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, intervirá xunto a María Jesús Pires Juncal, responsable de violencia de xénero da Unidade da Policía Adscrita do Corpo Nacional de Policía, quen lerá un manifesto.
A continuación, estrearase unha peza audiovisual da campaña, que pon o foco nos comportamentos machistas, e que será difundido a través das distintas canles institucionais.
Ademais, como xesto simbólico para reivindicar o fin da violencia de xénero, desde a noite do luns até a mañá do mércores, tanto o Pazo provincial como a sede de Vigo iluminaranse de cor azamboada.
Na campaña tamén está incluída unha ampla programación de actividades, como un concurso escolar, a creación dun mural, talleres formativos e outras accións de divulgación.
Destacan os eventos recentes celebrados en Porriño e a sede de Vigo, baixo o programa 'Aquí faltan páxinas', así como a presentación dos resultados do estudo 'Mulleres e Publicidade en Pontevedra', en colaboración coa Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e a Universidade de Vigo.