Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, lamentaba este luns os actos vandálicos que se rexistraban durante esta fin de semana no Parque Forestal da Tomba. Alí aparecía mobiliario, sinais e un panel informativo esnaquizados, e tamén se arrincaron plantacións.
A esta situación hai que sumar outro ataque no Parque Forestal da Fracha, onde se detectaron pintadas e o roubo de guías para endereitar as novas plantacións. A representante municipal manifestaba que o 99% da cidadanía de Pontevedra manifesta un comportamento "exquisito" cara a estes espazos naturais pero lamentou que o un por cento da poboación se dedique a destruír patrimonio que paga toda a poboación pontevedresa.
Por este motivo, Anabel Gulías fixo un chamamento á sensibilidade para manter en perfecto estado de conservación estes piares do patrimonio natural, que son "un pulmón verde". Desde o Concello xa se traballa no arranxo destes danos no arboledo e no mobiliario. Os roubos xa foron tamén denunciados pola empresa concesionaria dos traballos na Fracha mentres que, no caso da Tomba, informouse os axentes da Policía Local para que realicen investigacións.
A concelleira lembrou a importancia que estes espazos naturais teñen neste momento de pandemia, que se converteron nun respiro e un alivio para a poboación. Reclamou sensibilidade co coidado destas zonas para que poidan ser empregadas pola cidadanía.