Actuacións de urxencia en Santa Clara para paliar as pingueiras no convento

Pontevedra
16 de novembro 2023

O vicepresidente Rafa Domínguez lamentou que o anterior goberno "non fixo absolutamente nada" a pesar de que tiña un informe técnico desde maio do 2022 no que se advertía do problema e tamén da necesidade de resolvelo para preservar os obxectos artísticos

Pingueiras na igrexa do convento de Santa Clara
Pingueiras na igrexa do convento de Santa Clara / Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de anunciar que se teñen iniciado diversos trámites administrativos para impulsar actuacións de urxencia para paliar o problema de acceso de auga á Igrexa de Santa Clara e ao conxunto histórico e artístico do convento.

Domínguez lamentou que "o anterior goberno e o señor Mosquera, que tiña un informe técnico desde maio do 2022 enriba da mesa, no que se informaba das goteiras e de que era imprescindible resolvelas para preservar os obxectos artísticos de Santa Clara, nin leu o informe, o que é grave, nin quixo dicirnos nada, o que é aínda moito máis grave".

O informe de 325 páxinas, que recibiu o anterior goberno o 24 de maio de 2022 e ao que se referiu o vicepresidente, advertía da existencia dun problema de acceso de auga a través de varios puntos e alertaba de que as condicións ambientais e a humidade do recinto estaban a afectar á conservación das pinturas murais e obras de arte. Do mesmo xeito, aseguraba que o emprego que se estaba realizando do espazo, para eventos, supoñía un risco alto para ditas pinturas murais. 

Pese ás advertencias, tal e como denunciou Domínguez, "non se fixo absolutamente nada nin tampouco se mencionaron estes problemas na Comisión de Seguimento de Santa Clara na que participou o ex vicepresidente provincial César Mosquera".

"Que non se preocupen os pontevedreses, o que non fixo Mosquera farémolo nós", subliñou Rafa Domínguez ao informar das actuacións en marcha no conxunto do recinto conventual. 

Deste xeito, no que respecta á Igrexa estanse a limpar os canlóns e a selar as pingueiras, así como a valorar a limpeza da cuberta. Ademais, limpouse xa a rampla de acceso de madeira, na que, unha vez que a climatoloxía mellore, se aplicará un tratamento para evitar esvarar.

Ademais estase a actuar drenando e impermeabilizando a sala de bóvedas, na que é preciso restaurar as pinturas murais, que se estaban xa estragando. Neste caso cómpre destacar que debido á realización, hai meses, dunha gabia para un estudo arqueolóxico tense producido unha filtración de auga lateral durante as últimas semanas sobre a que tamén se pretende actuar.

Finalmente, e con medios propios do Museo de Pontevedra, estase a elaborar un proxecto para identificar todos os puntos de filtración existentes no conxunto do recinto conventual, a fin de actuar sobre eles mediante un selado ou actuación similar que permita realizar unha intervención preventiva e preservar, deste xeito, o conxunto histórico e artístico de Santa Clara.