ADEGA e APDR rexeitan a proposta do Concello de Poio de urbanizar parte da zona norte da Illa de Tambo

Poio
05 de xullo 2024

Celebrouse unha comisión de seguimento da Illa de Tambo este xoves onde o Concello de Poio presentou unha proposta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e un Plan de Emerxencias para este referente da ría. Estes colectivos disenten da proposta do ENIL no que se recolle a creación dun albergue, un museo, infraestruturas de produción de enerxía, auga e saneamento, un auditorio e un miradoiro, entre outros elementos

Infografía da recuperación dos edificios na illa de Tambo
Infografía da recuperación dos edificios na illa de Tambo / Concello de Poio

Este xoves celebrábase unha comisión de seguimento da Illa de Tambo coa participación de diversos colectivos.

Durante este encontro, o Concello de Poio presentaba unha proposta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e un Plan de Emerxencias para a Illa de Tambo.

A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) disenten da proposta do ENIL porque inclúe, ao final do documento, un apartado de "urbanización de gran parte Norte dá Illa".

Segundo expoñen estes colectivos, a proposta contempla a construción dun albergue; un museo; infraestruturas de produción de enerxía; abastecemento de auga e saneamento para un elevado número de persoas; un auditorio; un miradoiro; un observatorio; e un campo de cultivo.

Estas dúas asociacións pediron ao Concello de Poio a recuperación da idea inicial de ENIL para conservar os valores naturais e patrimoniais deste punto referencial da ría de Pontevedra. 

Ao estar xa redactada a proposta inicial, entenden que debería ser aprobada polo pleno municipal para solicitala á Xunta de Galicia de maneira inmediata coa idea de protexer este espazo natural de riscos como os incendios forestais, debido á gran presenza de especies pirófitas como o eucalipto.

ADEGA en 2023 realizaba un estudo sobre as plantas vasculares na Illa de Tambo e detectáronse ata 230 especies diferentes, o 90% desas especies crecen nos catro sectores do norte da illa e, segundo indica o colectivo, a proposta do Concello de Poio provocaría perdas irreparables e alteracións dos elementos deste espazo.

Ao encontro tamén asistían Irmandade Illa de Tambo, Asociación Cultural Deportiva Raxó e o Clube Mariño A Reiboa.