ADEGA presenta a demanda ante o TSXG pidindo a paralización inmediata das obras do parque eólico Acibal

Umia
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Amil Sen Eólicos, colectivo contrario ao proxecto, insiste en que o polígono está a construírse nunha zona de importante riqueza arqueolóxica, que xa foi parcialmente destruída polas obras executadas pola empresa Norvento. Alertan de que esta promotora incumpre de maneira continuada as condicións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental no proxecto

Petróglifo situado na zona onde se proxecta a subestación
Petróglifo situado na zona onde se proxecta a subestación / ADEGA

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) formalizou a demanda ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nesta demanda solicita a paralización inmediata das obras do proxecto eólico que se desenvolve no monte Acibal.

A petición ampárase no artigo 100 da Lei de patrimonio Cultural de Galicia. ADEGA xa interpuxera en outubro de 2023 un recurso contencioso-administrativo ante o TSXG ao entender que a Administración non aplicara o precepto e consentir a continuación das obras a pesar dos numerosos elementos do patrimonio arqueolóxico que a veciñanza rexistrara na zona.

Neste sentido, o colectivo Amil Sen Eólicos conmemora esta semana o primeiro aniversario do descubrimento do primeiro petróglifo no monte Acibal. Alerta de que a empresa Norvento está a incumprir as condicións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA) no proxecto. E denuncian publicamente o "abandono absoluto" por parte do Concello de Moraña e da Xunta de Galicia, administracións ás que considera "cómplices dá desfeita".

Indican que este espazo natural é unha zona de importante riqueza arqueolóxica, que xa foi parcialmente destruída polas obras da promotora. Entre outros elementos, destacan a presenza dunha ringleira de tetrasqueis, única en Europa. Ao longo deste ano están previstos dous artigos científicos sobre estes achados.

Ademais, Amil Sen Eólicos engade a presenza de catro petróglifos nunha zona de 25 metros cadrados onde está prevista a construción da subestación. 

Denuncian tamén o "abandono de funcións" da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao evitar o establecemento de medidas preventivas para que non se destrúa este patrimonio.

Ante estas situacións, este colectivo tamén reclama que se revogue a autorización do parque eólico e a restauración do Monte Acibal ao estado previo ás obras na medida que sexa posible.