O centro comercial urbano Zona Monumental asinou un convenio de patrocinio cos campións de España de baile deportivo, Patricia Martínez e Adrián Esperón, para desenvolver unha serie de exhibicións desta disciplina por varias prazas do centro histórico pontevedrés.
A iniciativa, coñecida como "Baile na rúa", desenvolverase durante o verán.
Segundo explicou o presidente do Zona Monumental, Miguel Lago, o acordo de patrocinio é con Adrián Esperón que será "embaixador" do Centro Comercial Urbano por todos os paises do mundo onde compitan.
Entre os seus próximos destinos atópase o campionato de Europa de baile na modalidade "standard" que se celebrará na cidade checa de Olomouc. Tamén está prevista a súa participación nos World Games que se disputarán en Polonia, un evento multideportivo no que participan atletas de todo o mundo e cuxas probas son deportes que aspiran a ser incluídos nos Xogos Olímpicos.
Esta parella pontevedresa é a actual campioa de España na modalidade de Standard, un título que gañaron en 14 ocasións. Ao seu currículo hai que sumar a súa participación en 13 campionatos do mundo e 15 europeos.