Adxudicada a obra da rúa da Ponte para facilitar o tránsito de peóns

Ponte Caldelas
12 de abril 2021

O alcalde Andrés Díaz explica que o proxecto contempla "a ampliación e empedrado das beirarrúas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de xardiñeiras e papeleiras". Deste xeito estenderase a liña estética da praza do Bispo ata a ponte románica, creando un espazo máis uniforme a nivel estético e práctico

Rúa da Ponte, Ponte Caldelas
Rúa da Ponte, Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas informa de que acaba de adxudicar a obra de mellora da rúa da Ponte por 67.590 euros á empresa Montajes JM Iglesias SL.

A Rúa da Ponte será sometida a unha importante obra que mellorará notablemente a mobilidade peonil. Apuntan desde o Concello que actualmente as beirarrúas son moi estreitas e, en determinados tramos, resulta complicado para os peóns poder camiñar por elas sen ter que baixar á estrada, o que se supón un importante risco para a seguridade. A dificultade é aínda maior para as persoas con cadeira de rodas ou cun carriño de bebé.

O alcalde Andrés Díaz explica que o proxecto contempla "a ampliación e empedrado das beirarrúas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de xardiñeiras e papeleiras". Deste xeito estenderase a liña estética da praza do Bispo ata a ponte románica, que tamén se atopa empedrada, creando un espazo máis uniforme a nivel estético e práctico.

"Seguimos embelecendo Ponte Caldelas para convertela nunha vila do século XXI sen que perda a súa esencia", indica Díaz, que lembra que xa se están a executar as melloras da avenida de Galicia e da reforma da estrada do Balneario.

O alcalde de Ponte Caldelas destacou o "impresionante labor dos funcionarios do departamento de Contratación do Concello de Ponte Caldelas, que co seu esforzo, axilidade e efectividade permitiron que en poucos meses tramitaramos moitas obras de elevado custe e cunha complexa tramitación", como é o caso da rúa da Ponte, unha das vías máis transitadas da vila por peóns e vehículos, ademais de ser unha importante arteria de comunicación entre a cidade de Pontevedra e o interior da provincia.