O Concello de Poio anunciou este martes a adxudicación, á empresa COVSA, da primeira fase das obras de mellora do firme e drenaxe de augas pluviais no Camiño da Escola, en Chancelas.
Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de 62.946,12 euros financiado con fondos do Plan +Provincia da Deputación.
Asegura o goberno local que a intervención permitirá incrementar a seguridade viaria no camiño municipal que dá acceso ao centro educativo e que conecta varios núcleos urbanos con praias de importante afluencia.
"É unha vía moi utilizada que, ademais, funciona como corredor alternativo de circulación, especialmente durante a época estival", destacou o concelleiro de Obras, Marcial García.
Na actualidade, o Camiño da Escola conta cunha anchura media de entre sete e nove metros, ademais de cun asfalto deteriorado en varios tramos provocado principalmente polo desgaste e erosión que ocasionan as choivas nos meses de inverno.
Por iso, e para tentar corrixir a situación, está previsto executar unha intervención que combinará a rehabilitación do firme coa mellora do sistema de drenaxe, instalándose unha nova rede de evacuación de augas pluviais con tubaxes e sumidoiros complementados coa recollida superficial a través de cunetas ao longo do tramo de actuación.
Os traballos contemplan a colocación de 115 metros de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de 145 metros de cuneta e a instalación de cinco pozos de rexistro e cinco sumidoiros.
"Esta primeira fase permitirá dar resposta a unha demanda existente na zona e senta as bases para continuar avanzando na modernización e mantemento da rede viaria municipal", defendeu o edil de Obras.