O CEIP Chancelas estrea un patio sostible creado coa implicación de toda a comunidade educativa

Poio
05 de xuño 2026

O alumnado goza xa do novo espazo que, máis aló da súa función recreativa, simboliza o valor do traballo colectivo e do compromiso coa contorna

Inauguración do patio do CEIP de Chancelas
Inauguración do patio do CEIP de Chancelas / Xunta de Galicia

O alumnado do CEIP Chancelas viviu este venres unha xornada moi especial coa inauguración do novo patio sostible do centro.

A actuación, desenvolvida grazas á cooperación entre a Consellería de Educación, o Concello de Poio e o propio colexio, contou cun investimento próximo aos 45.000 euros e permitiu crear unha nova zona verde pensada para o desfrute e a convivencia da rapazada.

O acto estivo presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, que quixeron acompañar á comunidade educativa nesta celebración.

Durante a visita, os estudantes de 5º e 6º de Primaria foron os encargados de presentar e explicar as distintas actuacións realizadas tanto no patio como no proxecto de transformación da contorna escolar impulsado polo propio alumnado.

"O máis valioso desta iniciativa é que nace da implicación e do traballo conxunto de alumnado, profesorado e familias", destacou o conselleiro, quen puxo en valor este tipo de experiencias por favorecer aprendizaxes vinculadas ao territorio, á sustentabilidade e á participación activa dos estudantes na mellora da súa contorna.

Inauguración do patio do CEIP de Chancelas
Inauguración do patio do CEIP de Chancelas   Xunta de Galicia

Un dos aspectos máis singulares do novo patio é a súa filosofía sostible xa que o espazo foi creado mediante a reutilización de materiais procedentes doutras actuacións municipais. Así, aproveitouse o céspede utilizado nas Aldeas de Nadal de Poio e a terra resultante das obras da pista de Vilariño para crear unha nova área verde. Pola súa banda, o centro encargouse do mobiliario de xogo e a Xunta colaborou coa instalación do sistema de rega.

Durante a súa intervención, o alcalde de Poio destacou que a actuación foi moito máis alá da reparación inicial do pavimento solicitada polo centro. "Hoxe non presentamos unicamente a inauguración dun patio, senón o resultado dunha forma de traballar e de entender a educación", afirmou. Segundo explicou, unha pequena mellora acabou converténdose nunha transformación integral que deu lugar a un espazo sostible e adaptado ás necesidades actuais do alumnado.

Inauguración do patio do CEIP de Chancelas
Inauguración do patio do CEIP de Chancelas    Xunta de Galicia

Moldes tamén quixo subliñar a importancia educativa dos patios escolares. "Non son só lugares de recreo, senón espazos onde os nenos e nenas aprenden a convivir, compartir, relacionarse e medrar", sinalou.

A inauguración coincidiu ademais coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, unha circunstancia que serviu para reforzar a mensaxe de compromiso ecolóxico que inspira o proxecto.

Tanto o alcalde como o conselleiro destacaron o labor desenvolvido polo equipo directivo e o profesorado do CEIP Chancelas, que levan anos promovendo iniciativas relacionadas coa sustentabilidade e a innovación educativa.

Inauguración do patio do CEIP de Chancelas
Inauguración do patio do CEIP de Chancelas    Xunta de Galicia