A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, vén de adxudicar a redacción do proxecto para a construción de 48 vivendas, na parcela P-17 en Valdecorvos, en Pontevedra.
Este contrato foi adxudicado ao estudo de arquitectura de Elizabeth Abalo Díaz por un investimento que rolda os 211.000 euros, e conta cun prazo de execución de tres meses e medio.
Baixo este contrato trátase de deseñar o proxecto para executar, na citada parcela, de 1.147 metros cadrados de superficie, un novo edificio en Valdecorvos, con 48 vivendas, garaxes, rochos e locais, distribuídos en dúas plantas de soto, planta baixa, seis plantas e baixo cuberta, cuxas obras están orzamentadas en 7,3 millóns de euros.
A Xunta ten en execución desde o pasado mes de xullo a construción de 74 vivendas de promoción pública na parcela P-16 de Valdecorvos.
Estas 74 novas vivendas de promoción pública na rúa Prado Novo xa están en obras e está previsto que estean rematadas a finais de 2025 ou, "como moi tarde", no primeiro trimestre de 2026.
En total, o investimento previsto pola administración autonómica na construción das 178 vivendas de Valdecorvos superará os 35 millóns de euros.