Adxudicadas as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE

Pontevedra
06 de agosto 2020

As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, están encamiñadas a mellorar a eficiencia e o comportamento enerxético do edificio

Primeiros adestramentos de esgrima e taekwondo no antigo pavillón da ONCE Mónica Patxot

A mesa de contratación vén de aprobar a proposta de adxudicación das obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE á empresa Construcciones Ramírez que presentou unha oferta por 430.691 euros. Para esta actuación foran 7 as empresas que presentaran ofertas para executar unha actuación que se licitaba por 448.637 euros.

O proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses, consiste en realizar as obras necesarias para mellorar o consumo e o comportamento enerxético do edificio, o que implica diversas actuacións, sobre todo na cuberta, para aforrar enerxía eléctrica e térmica e garantir as condicións axeitadas para as actividades deportivas que acolle.

O edificio presenta, na actualidade, problemas de humidade e condensación por falta dunha ventilación adecuada, polo que a maior parte dos traballos se centrarán na modificación do tellado e da fachada. Así, aplicaranse solucións técnicas para mellorar o comportamento da envolvente da cuberta, a mellora da eficiencia e a redución do consumo enerxético eléctrico co cambio de luminarias, e outras actuacións encamiñadas a mellorar a eficacia da climatización.

A reforma do antigo ximnasio da ONCE acométese para dotar esta infraestutura das condicións necesarias para acoller a práctica e adestramento de deportes como taekwondo ou esgrima, que están a ter un gran seguimento e repercusión na cidade grazas aos éxitos que nestas disciplinas están acadando os clubes e deportistas pontevedreses.

A reforma do antigo ximnasio da ONCE está enmarcada nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora