Adxudicadas por 1,5 millóns as obras de reforma do Centro Sur de Campolongo

Pontevedra
17 de maio 2021

A reforma ten un prazo de execución de oito meses e permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, outros dous a Amizade-Cogami e o resto como locais de diferentes asociacións veciñais e entidades sociais

Centro Sur de Campolongo Mónica Patxot

 O Concello de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de reforma do edificio Centro Sur  de Campolongo por un orzamento de 1.547.129,15 euros.

A reforma ten un prazo de execución de oito meses e permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, outros dous a Amizade-Cogami e o resto como locais de diferentes asociacións veciñais e entidades sociais como Amigos de Campolongo, Salcedo Sur, IGADI, a Polifónica, ou o Fondo Galego de Cooperación.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra aprobou a proposta de adxudicación á empresa Contrucciones Ramírez, que inclúe na súa proposta os tres bloques de mellora que se especificaban nos pregos da licitación, e que se refiren ao equipamento e a mobiliario dos espazos comúns e dos espazos destinados a dormitorios na futura residencia para persoas dependentes.

As obras de reforma implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar).

O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) 'Máis Modelo Urbano Pontevedra'.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora