Adxudicadas por 5,9 millóns as obras do abastecemento da marxe esquerda da Ría de Pontevedra

Pontevedra
01 de abril 2014

Esta actuación forma parte do proxecto de mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría, no que se está a investir un total de 39,9 millóns de euros

Río Lérez
Río Lérez / Juan Mejuto

O Consello de Administración da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) aprobou a adxudicación por 5,9 millóns de euros das obras de mellora do abastecemento da marxe esquerda da Ría de Pontevedra á empresa Rover Alcisa S.A.

As obras adxudicadas, que desenvolverán o tramo incluído entre os concellos de Pontevedra e Vilaboa, consisten na construción dunha condución que, partindo do depósito de regulación que se executará en Mourente, percorrerá o arco da marxe esquerda da ría, bordeando polo sur o Concello de Pontevedra ata Lourizán.

O proxecto inclúe tamén a execución dun ramal para o abastecemento de Vilaboa, no que se executarán dous depósitos reguladores cunha capacidade de almacenamento de 1.750 m3 cada un, que garantirán a subministración das puntas de demanda deste Concello.

Ademais, executaranse un total de 17 quilómetros de conducións, de fundición dúctil, de nova implantación, con diámetros que oscilan entre os 250 e os 600 mm.