A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, adxudicou por 1.513.491 € as obras de execución da nova senda e a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro, en Poio.
Os traballos, cuxo contrato de adxudicación foi formalizado coa empresa Construciones y obras Taboada Ramos S.L.U., comezarán a finais do verán e terán un prazo de execución de 18 meses.
Trátase dunha actuación que busca entre outras cousas eliminar un tramo de concentración de accidentes.
No que respecta á senda que se habilitará, contará cun ancho mínimo de 2,2 metros, estará separada da estrada por un bordo de formigón e irá sobreelevada uns 10 centímetros, para garantir maior seguridade. Será necesario ademais executar unha pasarela voadiza e habilitarase un novo itinerario na vía que baixa cara á Seca.
Completarase a actuación coa adaptación da rede de drenaxe e as canalizacións de abastecemento, electricidade e iluminación. Ademais, dotarase o itinerario de zonas axardinadas.
Tamén se instalará mobiliario urbano: bancos de madeira, papeleiras e unha fonte. Ademais, dispoñeranse 4 novas marquesiñas nas paradas de autobús.
A intervención inclúe por último a mellora das interseccións deste tramo, entre elas, a de acceso ao IES de Poio.