A empresa Construcións E. C.Casas será a encargada de realizar as obras de reforma integral da rúa Lepanto. A mesa de contratación do Concello de Pontevedra reuniuse este luns e decidiu adxudicarlle a actuación por un importe de 183.401,08 euros.
Unha vez adxudicado o proxecto, as obras poderían empezar de forma inmediata, pero aínda se descoñece a data exacta porque este luns empezan as obras de reforma de Benito Corbal no tramo entre Cobián Areal e Sagasta e a Policía Local de Pontevedra recomendou que as dúas actuacións non se realicen de forma simultánea para facilitar os accesos ás vivendas e postos de traballo desa rúa.
O proxecto consiste na creación dunha plataforma única cunha zona de estancia con árbores e bancos na cabeceira que toca coa rúa Benito Corbal. A actuación vai converter a rúa nun espazo de preferencia peonil e convivencia, con estacionamento de servizos e supoñerá a renovación dos servizos enterrados de saneamento, acometidas de auga, separación de augas pluviais e fecais.
A partir do seu inicio, as obras teñen un prazo de execución de catro meses. Ademais da obra de reforma en si, a empresa adxudicataria acometerá dúas melloras do proxecto expostas polo Concello: a renovación de toda a iluminación coa recuperación de oito luminarias cun modelo diferente ao actual e a pavimentación do cruzamento entre as rúas Lepanto con San Antoniño.
A mesa de contratación recibiu as ofertas económicas dun total de 19 construtoras, que oscilaban entre os 230.000 euros e os 175.000 euros fronte ao orzamento basee de licitación de 256.505 euros. Unha vez estudadas, adxudicáronse a E.C.Casas.