Bueu prepárase para recibir centenares de amantes das motos na "Concentración Moteiros do Morrazo 2025", un evento que transformará a zona das Lagoas nun auténtico festival sobre rodas entre o venres 6 e o domingo 8 de xuño.
As inscricións anticipadas xa están esgotadas, e a organización agarda completar a capacidade prevista o mesmo venres de inicio.
A presentación oficial do programa tivo lugar este luns no aparcadoiro das Lagoas, coa presenza de Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde, e Borja Portela, presidente da Asociación de Moteiros do Morrazo, entidade organizadora do evento.
Segundo avanzou Borja Portela, a concentración deste ano conta cunha "moi boa" previsión de asistencia, con participantes procedentes de diversos puntos da xeografía española como Xixón, La Bañeza ou Sanabria. Ademais, subliñou o compromiso da organización co civismo, implementando medidas para minimizar o ruído nas horas nocturnas.
O programa de actividades comezará o venres 6 coa apertura de inscricións ás 17:00 horas, seguido dunha festa musical a partir das 22:00 horas co grupo América de Vigo e os DJs Chimo e Michi.
O sábado intensificarase a actividade moteira cunha ruta pola zona, unha exhibición stunt a cargo de Paulo Martinho Freestyle en Ramón Bares e a tradicional cea con sorteos de agasallos.
Un dos momentos máis intensos da concentración terá lugar na madrugada do sábado ao domingo, coa ruta nocturna con fachos polas rúas da vila en memoria dos compañeiros falecidos.
A xornada dominical incluirá un almorzo para os inscritos, unha nova ruta pola zona e unha sesión vermú con petiscos e entrega de trofeos, amenizada polo grupo De cañas.
Para garantir a seguridade durante o evento, o Concello de Bueu estableceu un dispositivo especial de tráfico que inclúe o peche do aparcadoiro das Lagoas desde este luns, así como diversos cortes de circulación nas rúas Johan Carballeira, López Cortizo Ferrolán, José María Estévez e Ramón Bares durante os días da concentración.
A edil de cultura, Carmen García, agradeceu á asociación "polo traballo que desenvolve todo o ano e que permite organizar este evento na vila", e destacou a importancia da coordinación entre o goberno local e a policía para garantir a seguridade.