As traballadoras do sector do transporte son o colectivo homenaxeado polo Concello de Marín este ano no 8M, Día da Muller, e polo tanto son as protagonistas da viñeta que o ilustrador Luís Davila preparou para a conmemoración desta xornada na vila.
Varias concelleiras do goberno local, acompañados por representantes das asociacións de mulleres e do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, repartiron este xoves na Praza de Abastos as tazas coa viñeta serigrafiada.
Entregáronse un total de 400 unidades e volverán repartirse o propio 8 de marzo no acto institucional.
Esta é unha viñeta das oito que se levan facendo ao longo dos últimos oito anos. Unha cifra redonda que desde o CIM quixeron reflexar coa exposición itinerante "O valor do traballo das mulleres". Cada ano, un gremio profesional de mulleres é homenaxeado e nesta exposición recapitúlanse todas as viñetas con dous paneis verticais. Tamén se colocarán unhas banderolas na rúa, en distintos espazos céntricos do municipio, co historial de viñetas.
Entre outras cuestións organizadas para esta data, está o reparto nos centros educativos duns puzzles coa viñeta de Davila así coma outro material de sensibilización.
ACTO INSTITUCIONAL
O Día 8 de Marzo será o acto institucional ás 12.30 horas no salón de plenos do Concello, no que se lerá o manifesto decidido no seo do Consello Municipal da Muller.
Na véspera, o día 7, o Museo Municipal Manuel Torres acollerá ás 19 horas a proxección do documental "Nereidas", de Opromar, co que se pon en valor o traballo das mulleres investigadoras na pesca.