Aguasantas recupera o seu histórico Entroido despois de máis de medio século

Cerdedo Cotobade
22 de febreiro 2025

O Entroido celebrarase os días 1 e 2 de marzo grazas unha trintena de mozos que estivo recuperando e recollendo datos para devolver á vida esta tradición

Presentación do Entroido de Aguasantas

Os próximos 1 e 2 de marzo o Entroido regresará a Aguasantas despois de máis de medio século.

Unha trintena de mozos, agrupados na Asociación Cultural Entroido de Aguasantas, realizaron durante o último ano un traballo de recuperación e recollida de testemuños das persoas maiores da parroquia para así coñecer de primeira man esta tradición e devolvela á vida.

Segundo explicou Manuel Suárez, presidente do colectivo, no acto de presentación realizado este venres no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, o proxecto baseouse en conversacións e nos relatos do escritor e historiador Antón Fraguas e desenvolveuse co traballo do antropólogo Rafael Quintiá.

O Entroido arrincará o sábado 1 de marzo a partir das 15:30 horas cuns pasacalles con saída na Momada, desde a Carballeira de Famelga, que percorrerá os lugares da parroquia. O percorrido estará amenizado por Os Trazantes de Tenorio.

A xornada terminará cun picoteo na Casa do Pobo co grupo Pandereiteiras de Trazantes.

O domingo tamén comezará cuns pasacalles, que nesta ocasión percorrerá os camiños e cásaas da aldea coas Pandereteiras de Trazantes.

Continuará coa tradicional Corrida do galo, unha comida popular co petote como prato estrela e, para terminar, será o Sermón e o Enterro do Entroido.