A Alameda de Marín gozará este venres do Festival do Quilo

Marín
06 de agosto 2025
Actualizado: 19:02

O festival será ás 21:00 horas e contará cunha chea de artistas que se subirán ao escenario de forma totalmente altruísta

Presentación do Festival do Quilo a favor do Comedor Social de Marín
Presentación do Festival do Quilo a favor do Comedor Social de Marín / Concello de Marín

Este mércores presentouse no Comedor Social de Marín a edición número 39 do Festival do Quilo.

Esta cita converteuse nun clásico do verán marinense que, como sempre, ten un fin solidario: recoller alimentos para o propio comedor, que fai un labor incrible axudando a quen o necesita.

O festival será o venres 8 de agosto ás 21:00 horas, e contará cunha chea de artistas que se subirán ao escenario de forma totalmente altruísta: Pandereteiras da Veiguiña, Fentos e Froumas, un grupiño da Banda de Música de Marín, Daniel Castelli, Antonio Fernández, Antón, Jose Manuel Couñago, Somoza, Antonio Peixoto e as Cantareiras de Marín, coa dirección de Toni, o Gaiteiro Moderno.

Pódese levar calquera alimento non perecedoiro, aínda que o que máis falta fai agora mesmo é aceite, leite e salsa de tomate. E ollo, que durante o festival tamén haberá sorteos, así que promete estar animado.

Desde o comedor contaron que agora están a dar entre 85 e 90 xantares ao día.

Ademais, moitas familias levan a comida en friameiras para poder dar para comer as nenos en casa.

Aínda que cada vez hai máis xente que necesita axuda, no comedor respírase bo ambiente. Hai un traballo conxunto moi especial entre as persoas que van comer, a traballadora social, o equipo de Servizos Sociais do Concello e todas as persoas voluntarias que traballan arreo cada día para que isto funcione.

Tamén recuperaron o servizo de almorzos e duchas, que ten o seu horario establecido e que todo o mundo está a respectar moi ben. Isto tamén axuda a que todo vaia rodado á hora de servir as comidas.