O auditorio de Marín terá equipamento técnico e escénico de alta calidade

Marín
06 de agosto 2025
Actualizado: 7:44

As empresas interesadas terán ata o 3 de setembro para presentar as súas ofertas. O investimento, de máis de 336.000 euros, realízase con cargo a un convenio coa Consellería de Cultura

Obras de construción do novo Auditorio de Marín
Obras de construción do novo Auditorio de Marín / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou este martes que xa está aberta a licitación para dotar o auditorio de Marín dun equipamento escénico e técnico "de alta calidade".

O obxectivo é que este equipamento permita ao edificio cultural acoller desde o primeiro momento da súa apertura propostas escénicas de primeiro nivel que permitan cumprir cos requisitos técnicos esixidos pola Agadic para entrar na Rede de Auditorios de Galicia.

Tal e como explica a rexedora, "temos que equipar o noso Auditorio de tal forma que despois sexa posible ofrecer unha oferta escénica á altura do edificio".

O proxecto construtivo orixinal incluía a dotación dunha equipación básica, pero María Ramallo explicou que "precisamos dotarnos de máis material para que a programación vaia acorde co que queremos ofertar en Marín".

O Auditorio será unha infraestrutura clave para enriquecer a vida cultural, artística e social de Marín, con cerca de 500 butacas distribuídas en dous niveis e cun sistema divisorio que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades.

A maiores, conta con catro salas polivalentes que tamén suporán un revulsivo e un apoio para a creación cultural local.

"Pero temos que ter en conta que a calidade do son, a iluminación, a proxección visual… e o resto de elementos que entraña unha actividade escénica deben ser de calidade", indicou Ramallo.

Así, a mellora plantexada abarca o son, a iluminación, a cámara negra e outra maquinaria escénica complementaria como un telar ou patas e bambalinas móbiles.

A oferta que presenten as empresas interesadas debe ser un proxecto "chave en man", no que tanto se garanta o subministro do equipamento, así como o seu transporte, carga e descarga, instalación e posta en servizo.

De feito, deberá incluirse tamén na oferta un plan formativo e de traspaso tecnolóxico por parte da empresa adxudicataria ao persoal designado polo Concello.

O prazo de presentación de ofertas rematará o 3 de setembro (inclusive) e o prazo de execución será de 12 semanas.