Prórroga de tres meses de prazo para o Auditorio de Marín

Marín
19 de maio 2025
Actualizado: 18:40

Ademais, paralelamente estase licitando a dotación de subministro eléctrico ao edificio

Obras na Avenida de Ourense
Obras na Avenida de Ourense / Concello de Marín

O Concello de Marín celebrará este xoves un Pleno extraordinario no que, entre outros asuntos, será tratada a ampliación de tres meses de prazo para a empresa que está executando as obras do Auditorio.

Trátase dunha ampliación "totalmente habitual en calquera obra, tanto pública como privada, e incluso máis nunha de tanta envergadura como esta", explicou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, durante unha comisión celebrada este luns.

"Estes tres meses serven para equilibrar os períodos de atraso que se foron acumulando na obra. Neste caso, a aprobación da ampliación ten que ir a Pleno polo importe total da obra", detallou o edil, que reincidiu en que se trata dunha ampliación "moi común" en calquera proxecto construtivo.

Ademais, paralelamente estase licitando a dotación de subministro eléctrico ao edificio.

O prazo de presentación de ofertas, tal e como se extrae do Perfil do Contratante, está aberto ata este xoves.

Obras na Avenida de Ourense
Obras na Avenida de Ourense    Concello de Marín

OUTRAS OBRAS

Por outra banda, o Concello de Marín informou este luns do avance e situación dalgunhas das obras máis relevantes que se están a executar no municipio nestes momentos. 

Así, están a "avanzar a bo ritmo" os traballos de conexión do colector e a estación de bombeo do Río Lameira co colector xeral que transcorre pola Avenida de Ourense.

Tal e como explica a alcaldesa, María Ramallo, "esta actuación forma parte da obra de mellora integral do saneamento que está levando a cabo Augas de Galicia e que engloba tanto a renovación do colector do Río Lameira como a súa conexión á rede, a través do colector xeral".

A alcaldesa explica que "xusto neste momento están coincidindo na Avenida de Ourense dúas obras: da que estamos a falar a nivel de servizos e a humanización da beirarrúa contraria, que non ten nada que ver".

Ramallo explica que son "dúas actuacións independentes", pero ambas "moi necesarias para mellorar a nosa principal avenida".

No que respecta á conexión do colector do Lameira co xeral, "as obras avanzan a moi bo ritmo e cremos que a finais desta semana poderán ter feita a conexión completa, e, por tanto, rematar esta parte do proxecto".

Por outro lado, na obra do Ministerio que se está a executar na outra beirarrúa, os técnicos informan de que se están realizando os cruces da futura glorieta, para logo poder iniciar a creación da mesma.

Obras en la conexión eléctrica en Marín
Obras en Marín