O festival 'Marín Vila do Libro', referente cultural na fin de semana das Letras Galegas

Marín
17 de maio 2025

Manel Loureiro foi o primeiro escritor que conversou co público despois dunha inauguración na que a actriz local Mayka Braña fixo de carrexadora, imaxe do evento literario

Mayka Braña e Manel Loureiro en 'Marín, Vila do Libro'
Mayka Braña e Manel Loureiro en 'Marín, Vila do Libro' /

A vila de Marín estreou este venres a programación de Marín, Vila do Libro, un escaparate da cultura galega que nace coa vontade de consolidarse como un referente arredor do Día das Letras Galegas.

Organizado polo Concello de Marín e Vila do Libro, o festival arrancou pola mañá cunha actividade organizada polos centros escolares marinenses EEI O Grupo, CEP Carballal, CEIP da Laxe e CEIP Sequelo, no que o seu alumnado recitou versos da poesía popular oral acompañados das cantareiras da agrupación Fentos e Frouma.

Escolares de Marín durante a actuación de Fentos e Frouma
Escolares de Marín durante a actuación de Fentos e Frouma     Concello de Marín

Pola tarde, as voces dos rapaces de Gallos del Norte deron as primeiras notas cun espectáculo de improvisación no que mesturaron ritmos clásicos de rap con instrumentos tradicionais, facendo súas as técnicas da poesía oral popular á que se lle rende homenaxe neste 17 de maio. O proxecto de Gallos del Norte, ademais, ten un importante carácter social, xa que sobre o escenario houbo "freestylers" con e sen diversidade funcional, aos que acompañaron un grupo de pandeireteiras.

Ás 19.30 horas, chegou o momento de inaugurar oficialmente a Vila do Libro. A mestra de cerimonias desta inauguración non puido ser outra que Mayka Braña, actriz marinense que se meteu na pel dunha carrexadora, a figura elixida como emblema da imaxe da Vila do Libro e que trouxo na súa cesta o encargo de repartir tres exemplares: un ao director do festival, Enric Bono; outro á concelleira de Cultura de Pontedeume, Alejandra Bellón, que acolleu a Vila do Libro o pasado ano, e á alcaldesa de Marín, María Ramallo, que desexou a toda a veciñanza que gozase destes días cheos de cultura, literatura e lingua.

Manel Loureiro e Ramón Mella
Manel Loureiro e Ramón Mella    Concello de Marín

Rematada a inauguración do evento, foi a quenda de Manel Loureiro, autor dunha traxectoria literaria consolidada que vai a triloxía Apocalipsis Z ata Cuando la tomenta pase, que foi Premio Lara de Novela 2024, conversou distendidamente co xornalista, Ramón Mella, falando dos libros que marcaron a súa vida, e as súas influencias e motivacións para converterse  no escritor que é hoxe. Despois, Loureiro firmou exemplares.

'Marín, Vila do Libro'
'Marín, Vila do Libro'     Concello de Marín

Outra das cousas que máis está a chamar a atención desta Vila do Libro é como o espazo urbano gaña vida e se transforma nunha libraría a ceo aberto.

A Rúa Real modificou toda a súa imaxe grazas aos distintos decorados con motivos literarios que se colocaron ao longo do seu trazado.

Pero é que ademais conseguíronse recuperar locais emblemáticos que estaban pechados, como os bares Tres Portiñas e o Estrobo (tamén coñecido no seu día como M40), que se converten por estes días en librarías efémeras que acollen o mercado editorial do festival, no que participan Aira Editorial, Alvarellos Editora, Antela, Através Editora, Cuarto de Inverno, Edicións Xandri, Editorial Canela, Editorial El Pirata, Elvira Editoral, Excellence Editorial, Hércules Ediciones, Libraría Nobel, Nowordbooks, Patasdepeixe Editora e Rinoceronte Editora.