Nuria Vilán Prado, gañadora do XVIII Premio de Narración Curta do Concello de Marín

Marín
15 de maio 2025

A escritora viguesa faise con este galardón grazas ao seu relato “Unha vida tranquila". A entrega do premio terá lugar este sábado

Nuria Vilán Prado
Nuria Vilán Prado / Xiana Quintas

O relato "Unha vida tranquila" foi escollido por unanimidade polo xurado como gañador do VIII Premio de Narración Curta Concello de Marín.

Ao abrir a plica, revelouse que é Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) a autora detras do pseudónimo Pipa co que se presentou ao certame.

O xurado avaliador do certame, composto por Susana Pedreira, Ramón Rozas, Arantza Portabales e Elena Gallego, e contando coa presenza como secretaria da directora da Biblioteca Municipal Vidal Pazos, María Engracia Vicente Izquierdo, reuniuse este martes para fallar este galardón literario, ao que se presentaron 22 manuscritos.

O xurado destacou do relato da autora que "conta cunha voz literaria propia, coa que vai transitando por un tema de actualidade, como é a crise da vivenda que atravesa a mocidade, tratándoo dun xeito orixinal, pasando do relato individual ao colectivo".

Ademais, destacaron tamén a "interesante evolución psicolóxica da protagonista, algo que non é sinxelo de conseguir nun relato curto".

O premio consiste nun cheque de 1.000 euros, se lle entregará a Nuria Vilán durante o acto institucional do 17 de maio, que se celebrará ás 13.00 horas na Praza do Reloxo, dentro da programación de Marín, Vila do Libro, e que contará coa presenza da autora para que poida ler un fragmento do relato gañador.

Nuria Vilán Prado, máis coñecida como Nuria Vil nos circuitos escénicos, centra o seu traballo artístico, eminentemente oral, en levar a poesía máis alá da escrita, cunha vontade multidisciplinar e unha forte reivindicación social.

Simún (Chan de Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario individual publicado. A súa obra recóllese en numerosas antoloxías e permanece na oralidade.

Vén de estrear Delincuente, unha curtametraxe baseada no seu poema homónimo arredor da historia obreira de Vigo.