A Consellería de Cultura inviste 250.000 euros en equipar o Auditorio de Marín

Marín
20 de maio 2025

A alcaldesa, María Ramallo, firmou este martes un convenio coa Consellería de Cultura, que fará posible adquirir elementos materiais técnicos e escénicos precisos para acoller eventos de envergadura

Futuro auditorio de Marín
Futuro auditorio de Marín / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou este martes a firma dun convenio coa Consellería de Cultura por 250.000 euros para dotar de equipamento técnico e escénico ao futuro Auditorio.

Tal e como explica a rexedora, "temos que equipar o noso Auditorio de tal forma que se permita despois ofrecer unha oferta escénica adecuada" e que cumpra con todo o preciso para formar parte da Rede de Auditorios de Galicia, xestionada pola AGADIC, e que permitirá sumarse a todo o seu catálogo escénico, que inclúe as mellores producións teatrais de Galicia.

O Auditorio será unha infraestrutura "clave para enriquecer a vida cultural, artística e social de Marín", con 550 butacas distribuídas en dous niveis e cun sistema divisorio que permitirá empregar o espazo segundo as necesidades.

"Pero temos que ter en conta que a calidade da iluminación, a proxección visual... e o resto de elementos que entraña unha actividade escénica deben ser de calidade, xa que son elementos fundamentais para que o público poida gozar dunha experiencia completa", indicou Ramallo.

Ademais diso, o equipamento permitirá aumentar a competitividade cultural de Marín, podendo atraer actuacións de renome e eventos de maior escala, para os que é preciso cumplir unha serie de requisitos técnicos.

Ramallo sinalou que isto tamén permitirá incorporar á futura programación novos xéneros e espectáculos, desde a música ao teatro, pasando pola danza ou por outros eventos multidisciplinares.

A alcaldesa tamén destacou que isto permitirá ao mundo artístico local desenvolver a súa traxectoria e proposta artística coas mellores calidades no seu propio municipio.

Ademais, a longo prazo, cun bo equipamento redúcense os custos de mantemento e garántese a eficiencia enerxética, argumentou a alcaldesa.

Por partidas, destinaranse máis de 11.200 euros ao son, algo máis de 42.550 euros a iluminación, case 169.000 euros á cámara negra e uns 11.000 euros a maiores noutros recursos técnicos.