O alcalde de Ponte Caldelas acaba de solicitar por carta unha entrevista ao presidente da Xunta de Galicia electo o pasado 25 de setembro, Alberto Nuñez Feijóo, para instarlle a abrir unha "nova etapa" de diálogo e investimentos "igualitarios" no municipio coincidindo coa nova lexislatura autonómica.
Así o acordou a Xunta de Goberno, composta polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, tras o éxito da manifestación cidadá polas obras da estrada PO-234, que se limitarán ao treito de Cotobade deixando fóra a parte de Ponte Caldelas.
A carta enviada por Andrés Díaz comeza cunha felicitación expresa ao Partido Popular polos resultados acadados nas autonómicas e avoga por abrir un novo período de diálogo e de cooperación e colaboración institucional entre o executivo galego e o concello caldelán.
A primeira petición ten que ver, precisamente, coa PO-234, invitando a Núñez Feijoo a interesarse persoalmente polo tema e a rectificar unha decisión "partidista e que nada ten que ver coa racionalidade", e que supón un incumprimento coa obriga legal da Xunta de Galicia de mellorar a seguridade viaria na rede autonómica de estradas.
Ademais, o goberno local fai unha alusión á "discriminación" nos investimentos que se están a producir en Ponte Caldelas, un volume de gasto público moi inferior ao que se produce nos concellos da bisbarra gobernados polo PP, que reciben "con moita frecuencia" achegas de varios centos de miles de euros no marco de convenios interadministrativos asinados "discrecionalmente".
O alcalde destaca que Ponte Caldelas só pode aspirar a algunhas subvencións regradas, cuxo reparto está predeterminado moitas veces polos fondos europeos, mentres os alcaldes populares "reciben visitas de conselleiros que traen convenios á carta baixo o brazo", unha actuación que, segundo Andrés Díaz, a nova Xunta de Feijóo "faría ben en corrixir".