Alcalde e edís de Campo Lameiro doan o seu salario para mercar unha sulfatadora

Umia
21 de abril 2020

A compra dunha sulfatadora-pulverizadora de tractor, que será destinada a labores de desinfección en todos os lugares e aldeas do municipio, foi posible tras a doazón que o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e todos os membros do seu goberno fixeron do seu salario

Sulfatadora mercada en Campo Lameiro co salario dos edís de goberno
Sulfatadora mercada en Campo Lameiro co salario dos edís de goberno / Concello de Campo Lameiro

A compra dunha sulfatadora-pulverizadora de tractor, que será destinada a labores de desinfección en todos os lugares e aldeas do municipio, foi posible tras a doazón que o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e todos os membros do seu goberno fixeron do seu salario.

Esta maquinaria permitirá ao Concello ter un novo elemento para a prevención e seguridade sanitaria do municipio ante a COVID-19, especialmente nas aldeas de difícil acceso e que deste xeito poderán beneficiarse dos labores de desinfección que se están realizando.

Os traballos que se realizan a diario "veranse reforzados e facilitados con esta sulfatadora-pulverizadora para tractor que fará que gañemos en operatividade", destacou o alcalde.

O salario doado polos membros do goberno é o que corresponde á dedicación exclusiva do alcalde e mais aos emolumentos que perciben os edís por asistencias a plenos e comisións de goberno.