O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse este venres na Casa Consistorial co xerente da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés, José Flores, e cunha representación dos farmacéuticos do municipio.
O obxectivo do encontro foi seguir avanzando na coordinación entre o Concello, os servizos sanitarios e as farmacias locais para garantir unha atención sanitaria máis próxima, eficaz e adaptada ás necesidades da veciñanza.
Durante a xuntanza, Moldes destacou a importancia desta colaboración, cualificándoa como "fundamental para ofrecer unha sanidade de proximidade e de calidade".
O alcalde aproveitou tamén para agradecer a José Flores a súa constante disposición para achegarse a Poio e interesarse pola realidade do municipio.
Ademais, puxo en valor o papel imprescindible que desempeñan as farmacias como punto de referencia e primeira porta de acceso ao sistema sanitario.
"Os farmacéuticos son unha peza clave, tanto polo seu labor asistencial como polo trato directo e continuado coa cidadanía", subliñou.
A reunión concluíu cun firme compromiso por parte de todas as partes para continuar traballando da man, sumando esforzos para dar resposta ás necesidades da poboación e seguir fortalecendo a colaboración institucional e profesional en beneficio da saúde da veciñanza de Poio.