O alcalde de Pontevedra falará do modelo de cidade na Universidade de Heidelberg

Pontevedra
01 de maio 2025

Será este luns día 5 de maio e, ademais da cita universitaria, o alcalde pontevedrés será recibido ao día seguinte por Eckart Würzner, o seu homólogo na cidade alemá de Heidelberg

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Pablo Ajuria - Brais Porto

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi convidado a falar do modelo de cidade pola Universidade de Heidelberg, a máis antiga de Alemaña.

Segundo explicou o rexedor da capital, dentro da programación académica este semestre está dedicado á mobilidade sostible e neste contexto enmárcase a conferencia que pronunciará sobre o modelo urbano de Pontevedra, "unha cidade pensada para as persoas".

Será este luns día 5 de maio e, ademais da cita universitaria, o alcalde pontevedrés será recibido ao día seguinte por Eckart Würzner, o seu homólogo na cidade de Heidelberg.

Este alcalde alemán tamén é presidente de Energie-Cités, unha asociación de autoridades locais europeas que promove políticas de enerxía sostible.

Lores explicou que viaxará en avión desde a cidade portuguesa do Porto até Frankfurt e alí collerá outro voo até Heindelberg.

Será a terceira ocasión na que o alcalde de Pontevedra visita o país xermano para falar do modelo de cidade pois no ano 2013 xa participou na clausura do congreso Walk21 de Munich.

Ademais, tamén lembrou que participou noutro encontro internacional en Friburgo.