O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, varios veciños do municipio e a Policía Local participaron na mañá deste xoves no rescate dun condutor que caeu á auga.
Segundo informou o Concello de Vilanova, o condutor sufriu un "problema de saúde" e caeu co seu vehículo ao mar.
Ocorreu sobre as 10.45 horas deste xoves no lugar do Esteiro, na parroquia de Caleiro.
O condutor circulaba pola estrada PO-306 cando caeu á auga e varias testemuñas informaron a Policía Local solicitando axuda.
Os axentes desprazáronse ao lugar, así como tamén o alcalde e varios veciños, que non dubidaron en lanzarse á auga para o rescate do condutor.
Do ocorrido tamén recibiu alerta o 112 Galicia, que mobilizou unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ata o lugar. Tamén se informou os Bombeiros do Salnés, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.
O home, duns 65 anos, foi trasladado ao hospital a Santiago de Compostela para recibir atención médica.
Un guindastre encargouse da retirada do vehículo, segundo a información facilitada polo 112.