Unha das grandes estampas que deixou en Galicia o sorteo extraordinario de Nadal da Lotaría Nacional, a choiva de millóns que repartiu Bimba y Lola entre os seus traballadores de Vigo, tamén tivo o seu eco en Pontevedra.
As empregadas da súa tenda na cidade, situada en Benito Corbal, tamén adquiriron participacións do 70048, o segundo premio do sorteo.
Aínda que cada décimo estaba agraciado con 125.000 euros, estas participacións, dispoñibles para todos os empregados da firma téxtil, eran de 5 euros.
Como mínimo, cada unha delas, gañou este luns algo máis de 32.000 euros.
"Estamos súper contentas", explicaron as tres traballadoras que estaban da tenda de Bimba y Lola en Pontevedra, Julia, Alejandra e Sandra.
Xunto a elas, a sorte tamén chegou a outras catro compañeiras do mesmo establecemento e que, por quenda, non estaban na tenda: Cristina, Eli, Lara e Noa.
Todas elas confían en que "oxalá en todas as tendas" repartisen este premio porque "nolo curramos todos os días do ano e estas semanas moito máis".
"Temos moitas participacións", sinalaron, aínda que sen querer especificar canto porque "se di o pecado, pero non o pecador", engadiron entre risas.
Unha chamada telefónica da súa xefa foi a que lles informou de que gañaran a lotaría. "Non nolo podiamos crer", explicaron ante os xornalistas.
Tras recibir a noticia, recoñecen, "levamos chorando e rindo todo o intre".
Bimba y Lola estima que, en total, repartiu máis de 90 millóns de euros entre os seus empregados por toda España.