As Rías Baixas van gañando terreo como destino cada vez máis internacional. Segundo os últimos datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas, a provincia de Pontevedra experimentou un notable incremento do 18% de visitantes procedentes do estranxeiro no mes de maio en comparación co mesmo período no ano 2024, alcanzando a cifra de 81.000 turistas internacionais.
O perfil do turista estranxeiro que visita as Rías Baixas está claramente definido. Os datos recollidos na oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, revelan que case a metade dos 2.500 visitantes rexistrados xa neste mes de xuño son de procedencia internacional.
Destacan principalmente alemáns, franceses e británicos, que se mostran especialmente interesados polo patrimonio cultural e natural da zona.
Os turistas nacionais proveñen principalmente de Madrid, Barcelona e Valencia.
Este impulso internacional tamén se reflicte no Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia.
O 77% dos 20.500 peregrinos que percorreron en xuño algunha das rutas xacobeas que atravesan Pontevedra son estranxeiros, procedentes maioritariamente de Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Italia. O Camiño Portugués tradicional (9.465 peregrinos) e o Camiño Portugués pola Costa (9.432) son as vías máis transitadas.
A ocupación hoteleira en maio tamén experimentou unha mellora, superando o 42% de media no conxunto da provincia, un punto porcentual máis que no mesmo mes de 2024. As cidades de Pontevedra e Vigo destacan con taxas de ocupación do 61% e 45%, respectivamente.
"A internacionalización é un dos grandes obxectivos da nosa estratexia de turismo e temos destinado recursos e impulsado accións como nunca antes se fixera para promocionar a nosa provincia no estranxeiro", subliñou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen valora positivamente estos resultados.
Ademais, os castelos provinciais de Soutomaior (2.000 visitas) e Sobroso tamén suman preto de 3.000 visitas no que vai de mes de xuño, confirmando o interese crecente polo patrimonio histórico da provincia.