O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres que a vindeira semana viaxará a Bruxelas para manter distintas reunións de interese para a provincia na sede principal da Unión Europea.
O mandatario provincial, xunto co deputado responsable de Fondos Europeos, Javier Tourís, estará na capital europea desde o 14 ao 16 de maio.
Segundo avanzou Luis López, ten previsto manter un encontro coa Fundación Galicia Europa, para "levar a política provincial de turismo sustentable e desestacionalizado nunha xuntanza con Partenalia, a rede europea de gobernos locais".
Ademáis, reunirase con membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional e acompañará aos responsables das denominacións de orixe vitivinícolas galegas na presentación dun "dos produtos máis identificativos da provincia".
Luis López destacou que "Europa importa e aporta" e expresou a súa vontade de "ter presenza alí" para levar os proxectos da Deputación "e enriquecernos con outras experiencias de éxito que se poden aplicar na provincia".
O presidente da Deputación non deixou pasar por alto que este venres conmemórase o Día de Europa, unha data que aproveitou para "remarcar o compromiso europeísta do executivo provincial".
"Falamos de algo máis que un territorio, é un proxecto de paz, de benestar e de prosperidade común", dixo López. "Pontevedra é unha provincia europea e europeísta" engadiu en referencia a que "non só porque milita neses valores, senón porque a pertenza a Unión ten dado mostras de que é boa para a nosa xente".
Por outra banda, destacou que a páxina web institucional da Deputación de Pontevedra estreou este venres un novo espazo centrado especificamente en proxectos executados con fondos europeos.
É un portal no que os usuarios teñen acceso a preto de 40 iniciativas impulsadas polo organismo provincial e que acadaron financiamento de distintos fondos da Unión Europea polo seu interese para a mellora da calidade de vida na provincia.
Son proxectos de todo tipo, desde cooperación cos gobernos locais, ata plans de dixitalización ou mellora da eficiencia enerxética, pasando por medidas para o reto demográfico ou a acción comunitaria entre outras.