O goberno provincial mobiliza 7 millóns de euros para benestar social e investimentos en concellos

Pontevedra
09 de maio 2025

Os 51 municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán até 3 millóns de euros da Deputación de Pontevedra para facer fronte a políticas sociais

Xunta de Goberno da Deputación
Xunta de Goberno da Deputación / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, deu conta este venres dos asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá na que mobilizaron 7 millóns de euros para benestar social e investimentos en concellos.

A contía máis destacada foron os 4 millóns de euros para 18 concellos.

En concreto, son fondos para que A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo, Campo Lameiro, Vilaboa, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Cañiza, A Estrada, As Neves, Covelo, Lalín, Moaña, Mondariz, O Porriño, Redondela, Tomiño e Valga, impulsen novos investimentos a través da primeira das liñas do Plan +Provincia 2025.

Ademais aprobaron outros 450.000 euros para que A Illa de Arousa, Campo Lameiro e Tomiño completen o financiamento dos seus respectivos proxectos que xa contan con recursos do Plan Extra.

Luís López asegurou que o goberno provincial "xa leva distribuídos ao redor de 28 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".

Por outra banda, os 51 municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán até 3 millóns de euros da Deputación de Pontevedra para facer fronte a políticas sociais ao amparo do Plan de Cofinanciación dos servizos sociais comunitarios municipais.

En concreto son 1,2 millóns de euros para sufragar a prestación directa do servizo de axuda no fogar e preto de 1,8 millóns de euros para cubrir os custos de persoal dos servizos sociais comunitarios nos concellos.

En cada un destes 51 concellos a contía que van recibir oscila entre os 23.000 euros e os 110.000 euros.

Ademais a administración provincial destina 65.000 euros, o 80% do custo, ao convenio para crear un itinerario peonil na estrada provincial EP-9704 Igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa. Este Concello asume o 20% restante e as expropiacións que sexan necesarias. 

RÍAS BAIXAS FILMFEST

Por último, o executivo provincial aprobou este venres a repartición dos 170.000 euros para a celebración de festivais audiovisuais na provincia que a Deputación engloba baixo a marca, Rías Baixas Filmfest.

En total, conceden seis axudas a outros tantos festivais da provincia de Pontevedra de maneira que 37.000 euros son para o PlayDoc, o festival internacional de cine e documental de Tui; 33.000 euros para a edición número 22 do Festival de Cans; e 30.000 euros para o FICBueu.

Ademais, haberá 25.000 euros para a décima edición do festival de Novos Cinemas de Pontevedra; 24.000 para o Curtas Festival do Imaxinario 2025 que se desenvolve en Vilagarcía; e 18.000 para a novena edición do Galician Freaky Films Festival, de Vigo.