Arousa Moza participa nos actos do Día de Europa con alumnado da Xunqueira

Pontevedra
08 de maio 2025

Un grupo de trinta estudantes de 4º da ESO do IES A Xunqueira e voluntarios deste coñecido colectivo participaron nos actos organizados pola Deputación de Pontevedra

A Deputación celebra o Día de Europa
A Deputación celebra o Día de Europa / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra celebra este xoves por anticipado o Día de Europa poñendo o foco no impulso que permiten os fondos comunitarios en ámbitos coma as infraestruturas ou programas para a mocidade.

Na escaleira exterior do Pazo provincial o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a benvida este xoves a un grupo de trinta estudantes de 4º da ESO do IES A Xunqueira e voluntarios do colectivo Arousa Moza que participaron nun acto conmemorativo polo Día de Europa, que se celebra este venres 9 de maio.

Na súa intervención Luis López recordou que "todo o que se fai ten unha dependencia enorme de Europa, como as normativas de estudos" e tamén destacou que "case non hai cousa que fagamos onde non haxa fondos europeos".

A Deputación organizou na cidade de Pontevedra unha xincana educativa na que os participantes tiveron que resolver distintas probas por equipos relacionadas cos principios da Unión Europea, enfocadas particularmente no ámbito dixital e a mocidade.

Luis López sinalou que "hai principios que definen á Unión Europea que son aplicables a nós en todos os ámbitos, como a unión ou a solidariedade" e tamén citou algúns dos programas europeos deseñados para a mocidade da provincia e que xestiona a Deputación como o Erasmus, a través do cal se promoven estancias formativas para que o estudantado de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais en países da Unión.

NOVA WEB

Con motivo da conmemoración do Día de Europa, a páxina web institucional da Deputación de Pontevedra estreará este venres unha nova sección centrada específicamente en proxectos executados con fondos europeos.

É un espazo actualizado no que o usuario pode encontrar información de preto de corenta iniciativas de diversa tipoloxía para cuxa posta en marcha a Deputación acadou financiamento de distintos programas da Unión Europea.

O contido destes proxectos van desde obras de mellora da seguridade viaria, ata programas de apoio a empresas e emprendedores ou iniciativas de mellora da eficiencia enerxética, entre moitas outras.