Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre

Pontevedra
30 de outubro 2023

Desde o goberno galego recomendan que non se acumule auga nos recipientes e, deste xeito, evitar que se establezan larvas do mosquito Aedes albopictus, do que xa se ten detectado a súa presenza en puntos como Vilaboa, Cangas, Redondela, Moaña ou Vigo. Aconsellan colocar esponxas ou area como base nos espazos onde se van deixar as flores con motivo do Día de Todos os Santos

Cemiterio de San Amaro no Día de todos os Santos 2020
Cemiterio de San Amaro no Día de todos os Santos 2020 / Cristina Saiz

A chegada do 1 de novembro, Día de Todos os Santos, con presenza de numerosas persoas nos cemiterios e coa instalación de recipientes con flores provocou que a Xunta de Galicia demande á cidadanía colaboración para reducir as posibilidades de reprodución do mosquito tigre, xa presente na provincia de Pontevedra.

Desde a administración autonómica recomendan que os recipientes para flores ou calquera outro obxecto ornamental non conteñan auga, que permita que o mosquito tecnicamente denominado Aedes albopictus deposite as súas larvas facilitando a expansión desta especie invasora que é un vector epidémico do virus de chikungunya, dengueZika

A Xunta de Galicia recomenda, como solución máis eficaz, que se realicen buracos nos recipientes para facilitar a drenaxe. En caso de non ser posible esa opción, convidan a utilizar esponxas ou fibras absorbentes ao mesmo tempo que se enchen os recipientes de area, que eviten a cría do insecto.

A Consellería de Sanidade lembra que os cemiterios son espazos sinalados como lugares que deben ser vixiados polos Concellos nos que o mosquito tigre estea instalado. Na provincia de Pontevedra foi detectado en Vilaboa, Cangas, Moaña, Redondela e Vigo. 

Expoñen que se espera que a baixada de temperaturas previsible nas próximas semanas axude a que desapareza o mosquito tigre durante os meses de inverno. En todo caso, a Dirección Xeral de Saúde Pública permanecerá atenta por se retorna na primavera.

Sanidade recomenda tamén descargar a aplicación Mosquito Alert para investigar e controlar a presenza desta especie. O primeiro caso detectado en Galicia producíase este verán en Moaña. En menos de 24 horas lográbase confirmar esta presenza grazas á coordinación entre ReGaVIVEC, Mosquito Alert e a Xunta, segundo recoñeceu o Consello Superior de Investigacións Científicas.