Alerta feminista na rúa polo “feminicidio” de Jessica en Barro: “o machismo agóchase de moitas formas na sociedade”

Pontevedra
23 de marzo 2022

"Non nos amedrentemos cando vexamos unha situación de acoso porque sexa veciño, coñecido ou descoñecido, porque os feminicidas tamén viven preto de nós”. É a alerta lanzada este martes desde a praza da Peregrina na concentración convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra

Concentración en Pontevedra polo "feminicidio" de Jessica Méndez
Concentración en Pontevedra polo "feminicidio" de Jessica Méndez / Mónica Patxot

"Non nos amedrentemos cando vexamos unha situación de acoso porque sexa veciño, coñecido ou descoñecido, porque os feminicidas tamén viven preto de nós". É a alerta lanzada este martes desde a praza da Peregrina de Pontevedra.

Convocadas polo Colectivo Feminista de Pontevedra, e co presenza de Comando Mazá, un grupo de persoas concentráronse en repulsa polo homicidio de Jessica Méndez a pasada semana en Barro e quixo lanzar esta mensaxe como unha necesidade de denunciar todos os casos de acoso ou abuso que se detecten.

Polo crime de Jessica está en prisión José Eirín, veciño da vivenda familiar de Barro, e que o seu entorno sostén que levaba anos acosándoa. Por iso é polo que lanzan esta alerta denunciando que acusadores, machistas e homicidas hai en todas partes. "O machismo agóchase de moitas formas na sociedade, e a obsesión por ela, fixo que este ser, posiblemente, se crese coa potestade de arrincarlle a vida a Jéssica, do mesmo xeito que teñen feito outros feminicidas".

Na concentración clamaron "Xustiza" para Jessica e leron un manifesto no que sinalaron que Jessica "tiña toda a vida por diante e plans de futuro que lle foron arrebatados polo seu feminicida e veciño José Eirín" e que "estaba sendo terriblemente acosada por este individuo, ata o punto de que a súa vida estaba condicionada".

Fan tamén un chamamento á mobilización social, que este martes convocou concentracións en localidades de toda Galicia, porque "non podemos permitir que este caso quede no esquecemento porque sabemos que como Jessica pode haber moitas mulleres que agora mesmo poden estar sendo acosadas".

Desde o feminismo pontevedrés denuncian que desde o ano 2010 son 67 as mulleres que foron asasinadas en Galicia, "as cifras da vergoña" que se poden ver incrementadas cando se esclarezan os casos pendentes e piden que na loita contra os feminicidios "seguimos agardando a que o mundo institucional deixe de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e seguridade das mulleres".

"De nada serven máscaras ou lazos lilas se se amparan en políticas criminais contra as mulleres", sostiveron e tamén se amosaron moi críticas co Partido Popular e co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "que hai apenas unha semana se apoiaba na negación das vítimas de violencia vicaria". Nesta liña, pediron que "non queremos que nos goberne un machista, non queremos que lexisle un machista no noso país".