Alerta laranxa por altas temperaturas nas Rías Baixas, con até 37 graos o domingo

Pontevedra
02 de agosto 2025
Actualizado: 13:25

Espérase que os termómetros alcancen os 37 graos nas Rías Baixas e Miño. Comezará a partir do mediodía e prolongarase até as últimas horas da tarde. Supón un risco para a poboación

Xornada de calor en Pontevedra
Xornada de calor en Pontevedra / Cristina Saiz

As Rías Baixas estarán este domingo, 3 de agosto, en alerta laranxa por altas temperaturas.

A onda de calor comezará a partir do mediodía e prolongarase até as últimas horas da tarde.

Así o estableceu a Axencia Estatal de Meteorología (AEMET), que sinala un fenómeno meteorolóxico adverso por temperaturas máximas, que afectará especialmente á provincia de Pontevedra durante o domingo.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, espérase que os termómetros alcancen os 37 graos nas zonas das Rías Baixas e Miño.

Decretar o nivel de alerta laranxa supón un risco importante para a poboación.

Esta situación chega precedida de niveis amarelos nos días anteriores. Este venres 1 con 36 graos no Miño (Pontevedra) e este sábado 2 con 35-36 graos en Pontevedra (Miño e Rías Baixas) e Ourense (zona Sur e do Miño).

No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, actívase a alerta nivel 1 por episodio de calor no sur da provincia de Pontevedra, concretamente nas zonas isoclimáticas do Litoral e do Miño de Pontevedra. 

Meteogalicia informa que as altas presións continúan e irán achegando a partir deste domingo unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana que ocasionará un importante incremento das temperaturas, especialmente dos valores máximos. 

Este episodio prolongarase nos primeiros días da vindeira semana, polo menos ata o mércores, aínda que nalgunhas zonas podería prolongarse ata o xoves.

Desde o 112 Galicia ofrecen á poboación diversas recomendacións para a súa autoprotección nestes casos:

  • Bebe auga e/ou bebidas con electrólitos con frecuencia.
  • Evita as horas centrais do día.
  • Elixe comidas lixeiras.
  • Reduce a actividade física.
  • Asegurate de que os alimentos que inxeres están en bo estado.