Alertan do aumento de casos de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa entre poboación nova de Pontevedra

Pontevedra
19 de maio 2022

A doutora Estela Fernández Salgado, facultativa especialista de área no servizo, sinalou que está previsto que na área sanitaria aumente a prevalencia destas patoloxías nos vindeiros anos, polo que dende o servizo do Hospital Montecelo lembran a necesidade de sensibilizar á poboación e habilitar espazos amigables para estes pacientes

Persoal do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Persoal do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra / @pontegastro

O Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra quixo aproveitar este xoves a conmemoración da Semana Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal para sensibilizar á poboación sobre o "auxe de novos casos" de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa na área sanitaria pontevedresa. 

Así, sinalan que estes novos casos "dan a cara en idades afastadas dos 20 a 40 anos, rango que acostumaba ser habitual para a aparición deste tipo de enfermidade".

A doutora Estela Fernández Salgado, facultativa especialista de área no servizo, sinalou que está previsto que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aumente a prevalencia destas patoloxías nos vindeiros anos, polo que dende o servizo do Hospital Montecelo lembran a necesidade de sensibilizar á poboación e habilitar espazos amigables para estes pacientes. 

"Cada vez hai un debut en pacientes máis novos, incluso en idade infantil, pero tamén de persoas máis maiores", sinala. Segundo informa, detectan "un ascenso que perdurará no tempo, pero non é algo que nos deba alarmar".

Dende o Servizo de Aparello Dixestivo tamén se anima a que, independentemente da idade, se acuda a un especialista ante a aparición destas sintomatoloxías, pois é "importante" ter un diagnóstico canto antes para iniciar un tratamento nas fases máis precoces da doenza".

No ano 2017 o Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra converteuse no primeiro hospital de España en instalar un baño totalmente adaptado para persoas ostomizadas. Na actualidade, este centro sanitario pontevedrés xa conta con dous destes servizos, sendo un centro pioneiro na creación de espazos amigables para este colectivo.

Baixo as siglas EII -enfermidade inflamatoria intestinal- englóbase a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, patoloxías crónicas cuxa causa, malia ser descoñecida, ten vinculacións co estilo de vida occidental. Algúns síntomas asociados á enfermidade inflamatoria intestinal son a diarrea, a dor abdominal, a perda de peso ou a febre.