Alertan da "situación crítica" da colonia de corvo mariño cristado na illa de Ons

Bueu
06 de outubro 2025

Por primeira vez desde que hai rexistros, o número de parellas de corvo mariño cristado no arquipélago de Ons está por debaixo das trescentas, en concreto son 287

Corvos mariños cristados en Ons
Corvos mariños cristados en Ons / Anduxía

O corvo mariño cristado ou "cormorán moñudo" é unha das especies de aves máis importantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, pero a súa situación "é crítica".

É a denuncia que fai a asociación ecoloxista Anduxía, de Bueu, que advirte dos diferentes factores que están a provocar que a súa poboación esmoreza na illa de Ons.

Por primeira vez desde que hai rexistros, o número de parellas de corvo mariño cristado no arquipélago de Ons está por debaixo das trescentas, en concreto son 287.

A desaparición de esta especie como nidificante en Ons suporía unha "perda maiúscula" para o parque nacional, subliñan desde Anduxía, por ser unha das súas especies emblemáticas.

Esta ave aniña nos cantís da illa e pesca nos seu ricos fondos mariños.

Pero calquera alteración grave que sufre o medio natural e en especial o medio mariño da illa, reflíctese "case inmediatamente" no estado das poboacións desta especie.

A chegada dun depredador como o visón americano é unha das causas da reducción do número de exemplares do corvo mariño cristado, pero o colectivo recoñece que os responsables do parque están tomando medidas e colocando trampas para erradicalo.

"Non nos consta", sen embargo, que se tomaran ningunha das outras medidas urxentes recomendadas polo plan de conservación do corvo mariño cristado.

Entre outras, Anduxía alerta da presenza de "redes pantasma" de pesca, aquelas que por culpa dos temporais quedan enganchadas no fondo e non se poden recuperar; ou da "excesiva" presencia do turismo náutico, sobre todo de motos de agua, nas zonas de alimentación.

Corvo mariño que pereceu nas redes ilegais
Corvo mariño que pereceu nas redes ilegaisAnduxía

A isto suman os "especialmente graves" episodios de pesca furtiva "ao balo", que consiste en cercar unha enseada con redes e en golpear o fondo da embarcación e o mar facendo ruído para asustar o peixe cara ós aparellos.

Esta técnica tamén asusta os corvos mariños, que se tiran o mar e tratan de escapar mergullándose, o que provoca segundo Anduxía que perezan enganchados nas redes.

O colectivo ecoloxista esixe que a dirección do parque incremente a vixilancia sobre todas estas actividades, que se deseñe un programa de eliminación das "redes pantasma" e que se apliquen todas as medidas recomendadas no plan de conservación do corvo mariño cristado.