A Mesa por Ons estuda medidas para optimizar os servizos prestados na illa

Bueu
03 de xullo 2025
Actualizado: 18:08

Os responsables do Executivo galego escoitaron as demandas do goberno local de Bueu e a Asociación de Veciños, relacionadas con cuestións como a subministración eléctrica e a mobilidade ao arquipélago

Illa de Ons
Illa de Ons

Distintos representantes da Xunta de Galicia participaron este xoves na Mesa por Ons para avaliar co Concello de Bueu e coa veciñanza posibles melloras coas que optimizar os servizos prestados á cidadanía da illa, afondando así nos investimentos realizados nos últimos anos.

Os responsables do Executivo galego escoitaron as demandas do goberno local de Bueu e a Asociación de Veciños e Amigos das Illas de Ons, relacionadas con cuestións como a subministración eléctrica e a mobilidade ao arquipélago ou con trámites administrativos relacionados coas vivendas, nas que se comprometeron a estudar as distintas propostas co fin de chegar, na medida do posible, a solucións de consenso.

No caso da subministración eléctrica, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, explicou que a Xunta vai dotar á illa dun novo sistema de grupos electróxenos co fin de renovar, modernizar e mellorar a xeración de electricidade, ao que se destina un orzamento de arredor de 275.000 euros.

O fin último é prestar o mellor servizo posible ao conxunto da veciñanza e evitar cortes, motivo polo que tamén se está a traballar no deseño dun proxecto a medio e longo prazo para a instalación de placas fotovoltaicas no arquipélago. Esta iniciativa melloraría a eficiencia enerxética e o respecto medioambiental das infraestruturas eléctricas, pero suporía un importante investimento económico, motivo polo que se está a analizar a posibilidade de contar con financiamento europeo.

En canto a cuestións como a regularización de distintos anexos existentes nalgunhas vivendas de Ons, os responsables da Xunta trasladaron á asociación veciñal que é preciso analizar caso por caso, e comprometéronse a estudar este mesmo ano preto dunha vintena de expedientes entregados pola entidade durante a propia reunión.

En canto á mobilidade, analizaron a posibilidade de selar un convenio de colaboración entre o Executivo galego, o goberno local e as empresas navieiras co fin de ofrecer bonificacións, cuestión que se volverá a abordar entre as partes despois do verán.

Na mesma liña, tamén se acordou buscar fórmulas para simplificar os trámites, recorrendo a ferramentas dixitais, para comunicar os desprazamentos á illa correspondentes ao cupo de visitantes reservado para a veciñanza.