O salón de plenos de Bueu acolleu este luns, 3 de febreiro, un novo pleno da corporación no que foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polos tres grupos e o concelleiro non adscrito.
Era unha iniciativa para esixir á Xunta de Galicia a convocatoria da Mesa por Ons e o apoio á veciñanza da illa bueuesa.
Este texto foi acordado despois de que no pleno ordinario de xaneiro interviñese a representante da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons.
Nela, solicitou que a corporación mediase e reclamase esa convocatoria da mesa nun tempo máximo de dous meses, despois de moitos correos electrónicos enviados ás diversas consellerías e direccións xerais sen obter resposta.
A moción refrenda que "dende o Concello de Bueu sempre mostramos o noso apoio incondicional e unánime ás reclamacións da veciñanza da illa de Ons e na defensa dos seus dereitos".
Ademais, "eles e elas, os veciños e as veciñas, forman parte do patrimonio inmaterial desta illa do termo municipal de Bueu, pero foron inxustamente tratados por parte das administracións autonómicas, pois continuamente ven como os seus dereitos son infravalorados ou reducidos".
Por outra banda, os grupos de goberno (BNG e PSOE) presentaron unha moción, que foi aprobada por unanimidade, para solicitar a Portos de Galicia que autorice a construción dun módulo no porto para embarcacións de remo.
Non houbo acordo na última moción conxunta dos grupos do goberno, na que se solicita a Augas de Galicia que non modifique o actual cauce natural do Río Bispo no centro urbano.
A proposta aprobouse cos votos favorables de BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito, mentres que o PP se abstivo.